Bóveda de Santo Domingo de Bonaval.
Cargado originalmente por Alberte CoutoO corpo central do templo, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Compostela do gótico mendicante. O templo orixinal foi modificado aolongo dos séculos posteriores con numerosas obras e adicións.
A planta é de tres naves e cruceiro. Forman a cabeceira tres ábsidas poligonais, rachada a central por cinco estreitas ventás, e cubertas con bóvedas de abano. Os brazos do cruceiro, o presbiterio e as dúas pequenas capelas laterais teñen bóvedas de cruceiría. As falsas bóvedas de aresta da nave central repousan mediante arcos de medio punto sobre altos piares con sinxelos capiteis de tradición románica.
A capela maior, á que dá acceso un arco apuntado con decoración vexetal, está rodeada por un zócolo de arcatura trilobulada e alberga catro sepulcros do século XV, que corresponden a varios membros da poderosa casa de Altamira.
A capela absidal do lado do evanxeo está dedicada a San Vicente Ferrer; preside S. Domingos, desde un púlpito, o retablo do XVIII. A imaxe de S. Vicente foi "desaparecida". A do lado da epístola leva a advocación de Santo Tomé de Aquino, e nela se encontra a imaxe gótica da Virxe de Bonaval. Séguelle a capela de San Pedro Mártir e, a continúación, a de San Xacinto, construída segundo proxecto de Gaspar de Arce, de quen o nome aparece na clave da bóveda xunto á data de 1617; é de planta cadrada, cuberta cunha cúpula de media laranxa rebaixada con rica ornamentación de casetóns e motivos heráldicos. Fronte a esta, a capela de San Domingos en Suriano, edificada en 1657 sobre a primitiva do Rosario, conserva un retablo do XVIII. A actual capela de Nosa Señora do Rosario, pertencente á confraría deste nome, foi iniciada en 1635 por Bartolomé Fernández Lechuga e terminada dez anos máis tarde por Jácome Fernández, no solar do antigo claustro e cemiterio.
A fachada da igrexa, sobria, con frontón triangular partido sobre o que campa o escudo de Altamira timbrado por sombreiro episcopal, ábrese a través dunha gran reixa barroca que dá acceso aoadro e á escaleira que sobe aotemplo; na portada, tres imaxes góticas: a Virxe co Neno Xesús flanqueada por San Pedro e Santa Catarina.
No ángulo esquerdo da igrexa álzase a torre, de tres corpos, os dous primeiros cúbicos, coas cornixas rematadas por cadansúa balaustrada, e o último octogonal coroado por unha cúpula, tamén octogonal, que remata un pináculo con bola e catavento.
A igrexa de Bonaval acolle o Panteón de Galegos Ilustres.